viernes, 14 de septiembre de 2012

Mugardos


Coñecendo Mugardos
Entre os restos arqueolóxicos máis destacables de Mugardos atópanse os vestixios da presenza latina, que se constata no xacemento de Noville, una vila romana do século III.

A vila romana de Noville está ubicada no fondo dunha pequena enseada, á beira do mar, moi cerca do Seixo. Tén planta en forma de U e presenta un patio aberto ao mar de canalización de augas. Tamén se atoparon na vila restos dun primitivo sistema de calefacción.

Outros vestixios interesantes (dos séculos XV e XVIII) son os constituídos polo camiño da Calzada, no lugar da Redonda. Trátase dun camiño empedrado para carros ao servizo do mosteiro de Montefaro, do que dependía xurídicamente Mugardos naquela época.

Son moitas máis as mostras de arquitectura civil, cunha gran cantidade de casas blasonadas e pazos. Entre elas destaca o Pazo de Rilo, de estilo ecléctico comezado a construír no século XV.



Presenta un edificio principal de tres plantas con almeas e un gran xardín. Na construción atópase un dos cruceiros que reproduce a columna central do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela. No interior da capela conserva interesantes frescos e unha imaxe de Sta. María de Rilo.

Outra interesante mostra atopámola na Casa da Serea ou do Alcalde Mariño de la Barrera, situada no porto, construído no século XVI e remodelado no XVIII; esta construción aínda conserva o escudo heráldico dos Mariño coa característica serea da que, segundo esta familia, descenden todos os seus membros.

De época posterior é representativo o Pazo das Condesas, construído no 1803 ao fondo da enseada do Baño. De nobre aspecto, presenta un interesante balcón e un gran hórreo ornamental no amplo xardín con interesantes especies arbóreas. Nas fachadas reprodúcense escudos pétreos de Mugardos coas dúas coroas e a estrela.

Existiron outras edificacións do século XVIII pero delas quedan só restos ruinosos e escudos nas fachadas, como é o caso do Pazo de Novás ou o Pazo da Rega, en Boado.



Restan, sen embargo abundantes exemplos de casas señoriais construídas nos séculos XIX e XX. No porto atópase a Casa Dans Arrabal, con pedra vista e as galerías típicas das casas mariñeiras.

A Casa Cudilleiro, que presenta na fachada un mosaico de cristais enmarcados por finos barrotes de madeira.

No pleno centro urbán de Mugardos atopamos tamén a Casa Gelpi, de estilo ecléctico de 1910, planta rectangular con numerosos elementos decorativos nas galerías.

O cine Zárate do ano 1926 presenta fachada ricamente decorada con elementos cerámicos, rematando a cornixa con frontón triangular.

Na vila mariñeira do Seixo (cuna do aviador Xosé Piñeiro, piloto acróbata e primeiro galego que remontou os aires nun aparato aviador) temos dous bonitos exemplos de construccións mariñeiras:

A casa de Bello Piñeiro, pintor paisaxista, figura singular da arte galega do século XIX, que fundou a Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega; e precisamente na Avenida Pintor Bello Piñeiro, no mesmo embarcadeiro, consérvase un exemplo de construción tradicional mariñeira de finais do XIX, coas vistosas cores típicas.

Tamén se atopan un bo número de construccións indianas xurdidas cando algúns dos moitos emigrantes de finais do século XIX e comezos do XX, fixeron fortuna e promoveron iniciativas que axudaron a mellorar as condicións de vida dos seus paisanos.

É o caso do Casino Progreso, de Franza, de estilo modernista, ou o Grupo Escolar Francisco Vizoso, a escasos metros do anterior.

Asemade, os emigrantes na Habana fundaron no ano 1921 a Institución Escolar Franza y Seijo.

Tamén destaca o Chalé de Esperante no centro do Seixo coa súa cuberta a oito augas, a modo de chalé alpino.

No hay comentarios:

Publicar un comentario