domingo, 9 de septiembre de 2012

Cariño


Festas
O ano festeiro comenza o derradeiro sábado de xaneiro coa tradicional e concorrida romaxe a S. Xiao do Trebo, antigo asentamento romano, que supón o pistoletazo de saída ao entroido cariñés.


No entroido non deben faltar na mesa cariñesa as tradicionais chaolas

O entroido merece especial mención por ser o máis populoso do norte de Galicia. A vila vese contaxiada por un ambiente único, mentres nos fogares se elaboran as tradicionais chaolas.

No verán, as celebracións van dende as exaltacións gastronómicas ata as vistosas procesións marítimas, pasando por todo tipo de actos culturais.

Cómpre sinalar pola súa importancia e espectacularidade a festividade do Carme que se celebra todos os anos os días 15 e 16 de xullo, e na que se pode gozar da popular Danza de Arcos.

A finais de xullo ten lugar a máis importante festa de exaltación gastronómica da comarca, que lle outorga o protagonismo a un produto exclusivamente cariñés, a sardiña lañada, cuxa receita de elaboración seguen a gardar con celo por parte das familias de peixeiras. Nesta xornada gastronómica é posible, ademais, degustar caldeirada de raia así como diversos viños galegos.

Na segunda semana de agosto a mostra de teatro galego, unha das decanas de Galicia, chega ao auditorio municipal e prolóngase por espazo dunha semana.

O verán remata a semana que rodea ao 24 de agosto, coa honra ao patrón da vila, San Bartolomeu. Un amplo abano de actividades musicais, deportivas, relixiosas e gastronómicas conforman o programa dos festexos.

Os amantes da música rock teñen unha cita ineludible con Cariño nos derradeiros días de agosto, cando unha nova edición do multitudinario festival Ortegal Rock se porá en marcha. Bandas veteranas de recoñecido prestixo nacional e internacional comparten escenario con grupos emerxentes para facer vibrar aos incondicionais do festival.

No hay comentarios:

Publicar un comentario