A industria en Cerceda
A relevancia do tecido industrial de Cerceda, en continuo
proceso de desenvolvemento e diversificación, non se explica sen a aplicación
dunha serie medidas entre as que cómpre sinalar a creación de solo industrial,
as axudas públicas ao investimento, a captación de proxectos empresariais ou a
mellora da rede de comunicacións.
A aplicación de políticas orientadas a potenciar este tecido
e crear emprego está sendo chave para neutralizar as consecuencias do
esgotamento das reservas do xacemento de lignito de Meirama a finais de 2007 e
mais o consecuente peche da central térmica que, nos anos 80, marcara a
transformación industrial dun municipio cuxa base económica se sustentara ata
aquel momento nas actividades agropecuarias.
Con todo, o proceso de diversificación industrial e a
implantación de novas empresas en Cerceda remóntase xa a comezos dos anos 90,
coa creación de Sogama (Sociedade Galega de Medio Ambiente) e co xurdimento de
proxectos empresariais vinculados aos sectores produtivo e de servizos. Este
desenvolvemento industrial acelerouse aínda máis a finais dos 90, cando se
instalaron as primeiras empresas no polígono industrial do Acevedo.
O Concello de Cerceda, a través de medidas como as
mencionadas e procurando novas alternativas para a zona, soubo adiantarse ao
cese da actividade en Meirama e minimizar así o impacto laboral que este peche
podía ter sobre un municipio que roza hoxe o pleno emprego. Neste punto hai que
situar por exemplo a posta en marcha dun Plan experimental de emprego ou dunha
Oficina de Captación de Proxectos e Investimentos a través da cal se ten
fomentado, na medida do posible, a incorporación preferente de homes e mulleres
de Cerceda ao tecido empresarial do municipio.
Axudas ao investimento
No reforzamento das perspectivas económicas do termo tamén
xogou un papel determinante a clasificación de Cerceda como municipio RECHAR
por parte da UE, pois representou a obtención dunha serie de apoios,
canalizados a través do Plan MINER do Ministerio de Industria, orientados á
reindustrialización do municipio e a promover a localización de proxectos de
investimento empresarial. A aplicación do MINER concrétase en axudas a fondo
perdido ao investimento de proxectos empresariais xeradores de emprego nunha
serie de convocatorias anuais e sucesivas que van de 2006 a 2012 e ás que se
poden acoller todas aquelas empresas públicas ou privadas, cooperativas,
traballadores autónomos... con un proxecto de investimento.
Esta clasificación supón tamén un importante investimento en
infraestruturas viarias para a conexión do parque empresarial coas principais
vías de comunicación galegas. Con estas novas vías Cerceda sitúase a menos de
20 minutos de todos os servizos da Coruña -co que suporá no futuro a
proximidade ao porto exterior-, Santiago, Arteixo, Carballo e dos aeroportos de
Lavacolla e Alvedro. A todo isto haberá que engadirlle no futuro os beneficios
que reportará a chegada do tren de alta velocidade, con estación no municipio.
Potencial turístico
Todas estas circunstancias, unidas aos económicos prezos do
solo industrial, abren perspectivas económicas moi boas para o municipio, que
se sitúa xa na actualidade como un dos concellos coa renda per cápita máis alta
de Galicia e cunha dotación de servizos equiparable á de concellos que contan
con moita máis poboación.

No hay comentarios:
Publicar un comentario